Autores, Literatura
Comments (0)
Á morte de Curros Enríquez nun hospital da Habana do Centro Asturiano (non quixo ir o do Centro Galego polas diferencias que mantiña coa sua directiva) o seu cadaver foi trasladado ó Diario de La Marina, do que o gran poeta galego foi empregado. Por alí desfilou toda a colonia galega e a intelectualidade da capital cubana, e logo de doce horas e moitas xestións, foi trasladado ó Centro Galego. Como o presidente e o secretario do centro estaban enemistados co poeta de Celanova, pediron unha licencia e foron sustituidos temporalmente. O pasamento cubano foi católico, cunha cruz no cadaleito.
Pouco despois de ser enterrado en Cuba, o cadaver de Curros foi reclamado dende Galicia, así que, os seus restos foron exhumados, e o cadaleito envolto nunha bandeira cubana e dentro dunha caixa de caoba embarcou no vapor Alfonso XII con destino Á Coruña. Neste viaxe póstumo, Curros foi acompañado por quen en vida fora o seu enemigo, José López Pérez, Presidente do Centro Galego en La Habana, que demostrou así os seus bos sentimentos e a capacidade para esquecer as antigas liortas.
Cando o cadaleito de Manuel Curros Enríquez chegou a cidade da Coruña, o concello reuniuse en sesión permanente, presidida polo gobernador civil da provincia, para programar os actos en honor do chamado “Príncipe dos Poetas Galegos”. Un concelleiro republicano, mestre de escola, plantexou a cuestión de se o enterro debería ser católico ou laico. Como a unha da mañán non había ainda acordo, o tamén poeta Nan de Allariz (partidario do enterro laico) foi buscar a unha fonda da Praza de Pontevedra a Adelardo, fillo de Curros, para que fose él quen decidise. Adelardo Curros, influido por Alfredo Vicenti, elixiu o enterro católico, decindo que falaba tamén en nome da sua nai e do seu irmán. Os partidarios do enterro laico comezaron a abuchear e insultar o fillo do finado, destacando nesta reacción Lugrís Freire e Nan de Allariz. En defensa do fillo de Curros sairon o alcalde José Sánchez Anido e o principal valedor do enterro católico, o concelleiro Manuel Casás. No Teatro Principal celebrouse o velatorio, ó mesmo tempo que se celebraba un mitín de protesta polo carácter católico do enterro. Na prensa acusouse o fillo de Curros de estar vendido ó Arzobispo de Santiago e ós xesuitas.
O 2 de abril de 1908 foi un día de loito na Coruña, cerraronse os establecementos e as bandeiras ondearon a media asta, nas xanelas das casas colocaronse crespons negros. Presidiron a comitiva funebre o fillo de Curros, o músico Chané, o Presidente do Centro Galego na Habana, Murgía, Vicenti, Linares Rivas, Filomena Dato, Cabeza de León, o alcalde e o gobernador da Coruña, o alcalde de Celanova e representacións de todas as sociedades coruñesas e de outras cidades galegas.
Fonte:Los Poetas, Curros Enríquez, de C.E. Ferreiro, ed. Jucar 1973
Estevo Raposo @ January 26, 2012