A expulsión de C.E. Ferreiro da “Hermandad Gallega” de Venezuela
Autores, Literatura Comments (0)
O 24 de xuño de 1968 o Consello Diretivo da “Hermandad Gallega” de Caracas, Venezuela, acordou expulsar a Celso Emilio Ferreiro e ó su fillo Xosé María Ferreiro Loredo. Nesa organización, Celso Emilio viña ocupándose da dirección, redacción e confección do xornal quincenal Irmandade, así como do Cine Clube da sociedade, do programa de radio “Sempre en Galicia” e da Escola Castelao de primeiro ensino.
Unha “mafia feixista” (según palabras do propio Celso Emilio), logo dunhas eleccións fraudulentas, fíxose con control da hermandade, e respondendo os desexos do embaixador de España en Venezuela, acabou ca labor dinamizadora do autor de Longa Noite de Pedra. O seu “crime” foi fundar en 1967 e presidir a Agrupación Nós, unha entidade que pretendía que a “Hermandad Gallega” fora maís nacionalista.
Maís alá desta expulsión, Celso Emilio foi perseguido, dificultándoselle o atopar traballo en Venezuela. O libro Viaxe o país dos ananos (1968) é unha resposta do autor a estos feitos, como resposta foi o soneto “O Espulsado”. Anos despois, Celso Emilio contarialle a Víctor Fernández Freixanes:
“ainda conservo encadrado nun precioso marco, pendurado da parede do meu escritorio, a carta na que me comunicaron a expulsión da Hermandad Gallega. Está asinada por un vigués, antigo membro voluntario as S.S. nazis, e por un celanovés de alcume Cagarrán. Eu contesteilles cun soneto, mais nada”
E aquí temos o soneto en cuestión:
O Espulsado
Por mais que miro e asexo
pra esta masa informe e lerda
eu outra cousa non vexo
sinon moreas de merda.Merda adequerida ou herda,
merda dediante i en pos,
grandes palleiros de merda
acugulada en montós.Merda disposta en estiba,
merda debaixo e por riba,
merda a dereita i a ezquerda.Por iso penso que a perda
da espulsión foi positiva
pois liberoume da merda.
Fontes: http://celsoemilioferreiro.org
Celso Emilio Ferreiro 1912-1979 unha fotobiografía, de ed. Xerais
Estevo Raposo @ February 17, 2012


